Vistas de página en total

domingo, 13 de marzo de 2011

A resistencia fronte ao acaparamento das terras: O Movemento dos Traballadores Rurais Sen Terra.

Como xa dixen, non todos asinten e se quedan de brazos cruzados ante o neocolonialismo agrario. Este é o caso do MST, un movemento político-social brasileiro de inspiración marxista que busca a reforma agraria (http://www.mst.org.br/).
O MST naceu como produto da conxunción de distintos factores socioeconómicos consecuentes do período 1970-1985: o proceso de concentración de grandes extensións de terra, latifundios, en propiedade de pequenos grupos da sociedade, que supuxo para Brasil un incremento moi importante da pobreza dos pequenos campesiños; o proceso de transición conservadora da ditadura militar que animou aos campesiños a organizarse; a labor pastoral da Igrexa Católica, e en particular da Comisión Pastoral da Terra, a prol de transformacións nas desigualdades sociais; e por último de loitas ailladas pola terra que empezaban a ocorrer en distintos estados.
Deste xeito, o MST fúndase como unha necesidade inminente nun congreso celebrado en xaneiro de 1985, na cidade de Curitiba, estado de Paraná.
O obxectivo deste movemento é principalmente a ocupación de propiedades improdutivas, pero o problema recae en que tal concepto non está debidamente definido na constitución brasileira. Para o MST son terras rurais improdutivas aquelas que non cumpren coa función social, é dicir, que non se aproveitan racional e adecuadamente os seus recursos naturais dispoñibles, que non preservan o medio ambiente, e que non favorecen o benestar dos propietarios e dos traballadores.
Obviamente, os propietarios tratan de evitar as intencións deste movemento e esfórzanse por reter as súas propiedades argumentando a súa produtividade e función social do terreo. Deste xeito, o MST precisa ser representado, en ocasións por consellos legais públicos, noutras polos seus propios avogados, e tamén por organizacións como Terra de Direitos, organización da sociedade civil para a defensa dos dereitos humanos.
Mostra da oposición a este movemento é que co apoio da Brigada Militar gaucha, o Ministerio do estado de Río Grande do Sur planeou "disolver" o Movemento dos Sen Terra (MST). "Estamos frente á maior conspiración civil-militar desde o final da ditadura", dice o avogado defensor (http://jovenesdespiertos.wordpress.com/2008/06/30/brasil-plan-para-disolver-el-mst/).
O MST desenvolveu ao longo da súa historia diferentes actividades a prol dunha reforma agraria: manifestacións, concentracións, audiencias con políticos, folgas de fame, campamentos provisorios nos latifundios considerados inconstitucionais, ocupacións de órganos públicos como o INCRA (Instituto Nacional de Colonización y Reforma Agraria) pero tamén de terras entendidas como improdutivas. Así mesmo, o grupo busca recibir préstamos e axuda para que os campesiños realmente podan producir nas terras que reciben, xa que para o MST é verdadeiramente importante que as familias podan ter acceso a escolas e servizos de saúde para que así non precisen ir á cidade e deixen o campo.
Nos anos que durou o conflito da reforma agraria en Brasil a violencia foi unha ocorrencia presente. Un dos exemplos máis notables disto foi a Masacre de Eldorado dos Carajás (1996), onde morreron no acto 19 campesiños do MST ametrallados pola Policia Militar, debido a que estes campesiños cortaban o tránsito en protesta pola demora na expropiación dun terreo ocupado (http://old.redtercermundo.org.uy/revista_del_sur/texto_completo.php?id=1382).
Con todo, o MST mantivo e mantén certas relacións co goberno e con outras entidades. De feito, o ex presidente brasileiro Luis Inácio “Lula” da Silva, posto que o 1 de xaneiro lle traspasou o mando á candidata Dilma Rousseff do seu mesmo partido (Partido dos Trrabalhadores), prometera ao MST durante a súa campaña electoral en 2002 asentar 40.000 familias campesiñas nos seus catro anos de xestión (http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/latin_america/newsid_3039000/3039704.stm). Non obstante, isto tivo un lento avance polo que o movemento tomou distancia do goberno. O MST fixo que só foran asentadas 21.000 familias desde que asumira a presidencia no 2003. Con todo, moitos dos membros do MST decidiron apoiar a súa reelección en 2005 tras facer unha avaliación crítica do período.  
Ademais do goberno de Lula, sabemos que o MST  impulsa a tódolos campesiños a afiliarse e participar do Sindicato de Traballadores Rurais, a nivel municipal, e a nivel central, o MST articula coa Central Única dos Traballadores.
En canto ao ámbito relixioso, mantén relacións coa Comisión Pastoral da Terra e as pastorais rurais das dióceses.
E a nivel internacional, o MST relaciónase con diversas organizacións campesiñas de América Latina a través de Vía Campesiña. Sen embargo, non está afiliado a organismos sindicais internacionais, aínda que conta co apoio de distintas organizacións de traballadores e ONGs de Europa e Canadá.
En definitiva, trátase dun movemento que toma a iniciativa de loitar contra o acaparamento de terras co obxectivo de conseguir a supervivencia daqueles que máis o necesitan, é dicir, daqueles campesiños empobrecidos e sen terras.

No hay comentarios:

Publicar un comentario