Vistas de página en total

lunes, 2 de mayo de 2011

Os estados de EEUU

EEUU é un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal, Washington D.C., que é a capital.
A continuación acompaño un mapa e un cadro no cal se recollen os estados que conforman o país en cuestión, así como a súa capital, a súa superficie a súa poboación.




En definitiva, EEUU consta dunha poboación total de 308.745.538 habitantes e cunha superficie total de 9.826.675 km2.  Así pois, vemos como é un territorio considerable que supera en máis de 19 veces (19'472450) a superficie de España, de 504.645 km2. 


lunes, 18 de abril de 2011

Un percorrido polas cidades europeas máis poboadas

O cometido desta entrada no blog é expor unha simulación dunha viaxe polas distintas cidades europeas con máis dun millón de habitantes baixo as premisas de:
  •  Non percorrer nun día máis de 800 km e no caso de superalos facer unha parada obrigatoria dunha    noite e de custo cero nunha cidade intermedia.  
  • Visitar tres lugares de interese en cada cidade.
  •  Aloxarse dúas noites en cada cidade.
  • Non empregar como medio de transporte o avión.
  •  Viaxar ao mínimo custo e no menor tempo posible.

No meu caso o itinerario realiceino de forma conxunta coa miña compañeira Marta Pedrouzo Piñeiro, de xeito que tódalas cantidades están pensadas para dúas persoas.
O punto de partida seleccionado foi SANTIAGO DE COMPOSTELA (España) e o primeiro destino MADRID (España), cidade situada a 670 km de Santiago de Compostela. Para chegar á capital escolleríamos como medio de transporte o tren, o cal nos custaría 80’32€. No tocante ao aloxamento decantámonos polo Albergue Xuvenil Richard Shirrmann por 28’9€ dúas noites. E en canto aos lugares de interese decidimos visitar o Museo do Prado, o Parque do Retiro e o Palacio Real.
A segunda cidade sería BARCELONA (España), cidade situada a 497km de Madrid. Para chegar a Barcelona escollemos tamén o tren, cun custo de 70’88€. O aloxamento nesta ocasión sería no Hostal Las Ramblas, por 28€ as dúas noites. E os lugares que visitaríamos serían o Parque Güell, a Sagrada Familia e o Palau da Música.
Logo encamiñariámonos cara París, pero por exceso de quilómetros sería necesario facer unha parada a medio camiño. O lugar seleccionado para tal fin foi CLERMONT-FERRAND (Francia), a 620 km de Barcelona, e de aí xa cara PARÍS (Francia), cidade situada a 425km de Clermont-Ferrand. En canto ao medio de transporte, optamos polo coche, cuxo combustible dende Barcelona implicaría un custo de 118’29€. Unha vez na capital francesa aloxariámonos en Mary’s Hotel por 60€ as dúas noites e visitariamos o Museo do Louvre, o Palacio de Versalles e a Catedral de Notre Dame.
Tralo paso por Francia, disporiámonos cara Reino Unido, concretamente cara a cidade de BIRMINGHAM, situada a 661km de París. Empregariamos  o coche e suporíanos un custo de 86’62€ no combustible. Unha vez alí, quedariámonos en Central Backpackers por 28’34€ as dúas noites e visitariámos o Museo e Galería de Arte, a Catedral de San Felipe e o Muíño de Sarehole.
Despois de Birmingham, obviamente a outra cidade en Reino Unido sería LONDRES, a 190km da primeira. Como medio de transporte empregaríamos o tren, por 43’08€. Alí hospedariámonos en Central Hostel London, por 45’28€ dúas noites. Os lugares que coñeceríamos na cidade londinense serían o Palacio de Buckingham, o Museo Madame Tussauds, e o Brithis Museum.
Posteriormente iríamos a BRUXELAS (Bélxica), a 368’5km de Londres, en coche, o que nos suporía un custo de combustible de 48’67€. O aloxamento sería en Youth Hostel Van Gogh por 60€ dúas noites e visitaríamos o Teatro da Monnaie, a Bolsa e o Palacio Real.
Tralo paso por Bélxica, o seguinte destino sería HAMBURGO (Alemaña), a 595km de Bruxelas. Outra vez máis iríamos en coche por 79’85€ de combustible e quedariámonos en A&O City Hauptbdhnhof  por 64€ dúas noites. Os lugares que eliximos visitar serían a Igrexa de San Miguel, a Galería de Arte Kunsthalle, e o Miniatur Wunderland.
A seguinte cidade sería COPENHAGUE (Dinamarca), a 334km de Hamburgo. Para chegar a ela sería necesario usar o ferry de Puttgarden a Rodby Faerge por 70€ e logo o coche por 45’24€ de combustible. Nesta ocasión, aloxariámonos en Sleep in Green por 50€ dúas noites e iríamos ver o Palacio de Ronsenborg, a Igrexa de Mármol e a Estatua da Sirenita.
Unha vez visitada a cidade danesa, viaxaríamos a BERLÍN (Alemaña), a 438km de Copenaghe. Sería necesario empregar o ferry unha vez máis de Rodby a Faerge por 70€ e tamén o coche, por 63’42€ de combustible. No tocante ao aloxamento efectuaríase en Odyssee Globetrotter Hostel por 40€ dúas noites e visitaríamos a Porta de Brandeburgo, o Museo de Pérgamo e a Catedral.
Tralo segundo paso por Alemaña iríamos a Polonia, VARSOVIA, cidade situada a 591km de Berlín. Para chegar a esta cidade polaca empregaríamos o coche, cuxo combustible custaría 79’94€. O aloxamento realizariámolo en Garden Villa por 44€ dúas noites. E en canto aos lugares de interese seleccionamos o Palacio da Cultura, o Museo Nacional e o Gran Teatro.
Seguidamente, encamiñariámonos cara PRAGA (República Checa), a 606km de Varsovia, en coche, por 67’25€. A hospedaxe realizariámola  en Hostel Kaktus por 34’4€ dúas noites. E no tocante ás visitas de lugares emblemáticos, seleccionamos o Castelo, a Casa Danzante e o Teatro Nacional.
Por terceira vez visitaríamos Alemaña, nesta ocasión MUNICH, a 382km de Praga. O medio de transporte empregado sería o coche por 47€ en combustible e o aloxamento sería en Easy Palace City Hostels por 40€ dúas noites. Nesta cidade veríamos a Gliptoteca, o Palacio Real e o Teatro Nacional.
Entón viaxaríamos a VIENA (Austria), situada a 456km de Munich, en coche, por 61’64€ no combustible. Alí quedariámonos en Labyrinth Hostel por 39’60€ dúas noites e visitaríamos o Palacio de Schönbrunn, a Catedral de San Esteban e o Museo de Historia da Arte.
Así disporiámonos cara BUDAPEST (Hungría), a 243km de Viena, en coche tamén, por 28’67€ de combustible. O aloxamento sería en 11th Hour Cinema Hostel por 20€ as dúas noites e os lugares que visitaríamos serían o Palacio de Buda, a Igrexa de San Matías e os Baños termais de Széchenyi.
Trala visita ás terras húngaras iríamos cara Bucarest (Romanía), pero como superaríamos os 800km, sería necesaria unha parada obrigatoria nunha cidade intermedia, como pode ser ALBA-LULIA. Ata esta cidade, situada a 540km de Budapest, viaxariamos en coche por 67€ de combustible. Logo emprenderíamos a marcha cara BUCAREST (Romanía), cidade situada a 334km de Alba-Lulia. O medio de transporte sería agora o autobús, por 8’53€. Unha vez en Bucarest, o aloxamento sería en Happy Hostel por 24€ dúas noites e as visitas turísticas que realizaríamos incluirían o Ateneo, o Museo do Pobo Romaní e o Parlamento.
A seguinte cidade sería SOFÍA (Bulgaria), a 383km de Bucarest. A esta chegaríamos en autobús por 17’81€, aloxaríamonos en Mostel Hostel por 36€ dúas noites, e iríamos ver o Teatro Nacional Iván Vazov, a Galería Nacional de Arte e o Museo Nacional de Historia Natural.
Tralo paso por Bulgaria, o noso destino sería Roma, mais sería preciso ir en coche ata a cidade costeira de IGOUMENITSA, situada a 611km de Sofía, por un custo de 62’12€ en combustible. Unha vez alí, colleriamos un ferry por 115€ que nos levaría a cidade italiana de BRINDISI, situada a 263 km. E dende Brindisi optariamos por coller un tren por 34’9€ cara ROMA (Italia), situada a 569km. En Roma hospedaríamonos en Club Castelfusano por 41€ dúas noites e alí visitaríamos o Coliseo, a Cidade do Vaticano e o Foro Romano.
E para rematar a nosa viaxe, colleríamos un coche por 77’77€ de combustible cara MILÁN (Italia), onde nos aloxaríamos no Hostel Greco por 34€ dúas noites e onde visitaríamos a Catedral, o Teatro de La Scala e o Palacio Real.
Así pois, percorreriamos as dezaoito cidades europeas con maior volume de habitantes por un custo total aproximado de 2171’52€ en 40 días, contando tamén as paradas obrigatorias nas cidades intermedias.

FONTES CONSULTADAS
http://maps.google.es/
http://www.booking.com/

lunes, 14 de marzo de 2011

Axuda internacional: a quen beneficia a caridade?

O desenvolvemento mundial precisa dunha colaboración internacional. A pregunta é: quen debe levar a cabo a financiación, o sector público ou o sector privado?
Nun primeiro momento, as empresas privadas e outros axentes non gobernamentais, estaban chamados a desempeñar un papel importante, pero secundario no desenvolvemento internacional. Pero ademais, a influencia do socialismo en rexións tercermundistas e a súa idea de que a libre empresa era cómplice do colonialismo e do imperialismo, sementaba a desconfianza fronte ao mundo dos negocios.
Non obstante, os tempos cambiaron. A partires de 1982, coa crise da débeda, adoptáronse políticas dirixidas a dar ao mercado, e non ao Estado, o papel preponderante en detrimento do sector público. Desta maneira, as empresas privadas adquiriron un papel protagonista como “motores” do desenvolvemento e do crecemento do Terceiro Mundo.
               Polo tanto, desde mediados dos anos noventa, as empresas privadas, así como institucións bancarias, contribuíron en gran medida tanto á financiación como a posta en marcha proxectos de desenvolvemento internacional, baixo o convencemento de que os axentes privados eran máis eficaces que os públicos, á hora de favorecer o crecemento e reducir a pobreza. Así, a súa acción adoptou dous procedementos: a creación de carteiras de inversión polos bancos, e a inversión directa por parte das multinacionais. Estas dúas formas de inversión, fóronse incrementando nos últimos vinte anos de forma exponencial, malia as interrupcións causadas polas crises financeiras, como a crise asiática de 1997 ou o crac bursátil do 2008, ao cal aínda nos enfrontamos na actualidade.
Se ben é certo que algúns partidarios desta estratexia, como é o caso do Fondo Monetario Internacional, recoñecen que a inversión internacional privada foi moi volátil e que moitas veces se esquece dos países subdesenvolvidos, tamén afirman que a responsabilidade recae nestes países pola súa falta de “bo goberno”, máis que da especulación e da visión a curto prazo. Así, os países prestatarios presionan para que se impoñan regras que favorezan a transparencia, a imputabilidade, a moderación fiscal, etc.
               Obviamente existen diversas opinións acerca do asunto. Mentres que os defensores da inversión ven nesta forma de filantropía o motor do desenvolvemento, o certo é que as  consecuencias son obvias (http://www.elpais.com/articulo/Comunidad/Valenciana/cooperacion/coartada/elpepuespval/20110312elpval_15/Tes).
Estes supostos filántropos verdadeiramente benefícianse das pobres condicións laborais e dos baixísimos salarios dos países en desenvolvemento, causan ademais graves danos ao medio ambiente e  nalgunha ocasión conceden apoio a rexímenes que non respectan os dereitos fundamentais. É dicir, a filantropía das empresas, con todos os seus proxectos caritativos sobre todo nas esferas da sanidade e da educación, non é máis que un intento de crear unha imaxe corporativa que reflicta valores compartidos cos consumidores e non o benestar do país en cuestión. Moitas multinacionais que din axudar desinteresadamente a estes países, abusan deles. Exemplo disto é a multinacional NESTLÉ, que en varios países do Terceiro Mundo animaba ás nais a non dar o peito aos seus meniños repartindo nunha primeira fase leite en polbo e potitos gratis. Ao cabo dun tempo, as mulleres, ao quedarse sen leite, terminaban por botar man destes produtos e a falta de medidas hixiénicas fixo o resto. Desta maneira, segundo a OMS, 1’5 millóns de nenos morren anualmente por beber leite en polbo mesturada con auga non potable. (http://www.solidaridad.net/vernoticia.asp?noticia=936).
A estes feitos debemos engadir ademais que as empresas privadas non teñen porque render contas, e menos ás poboacións locais, senón que só aos seus accionistas, quenes ante todo queren obter o seu máximo beneficio.
Polo tanto, parece lóxico pensar que se dito sector o que busca é o beneficio propio, a súa caridade trátase dunha filantropía ou é unha auténtica estratexia de relacións públicas? Desde logo, para min a resposta volve a ser evidente. O sector privado emprega esta suposta filantropía para ofrecer unha imaxe que reflicta valores éticos e morais que tanto lle parecen gustar á sociedade de hoxe.
Pero, por que o sector público se queda máis á marxe do asunto? Certamente celebráronse conferencias para potenciar a axuda pública como a Conferencia Internacional sobre a Financiación do Desenvolvemento en Monterrey en 2002, coa que se pretendía chegar a un consenso no que se reafirmara a importancia da APD (axuda pública ao desenvolvemento) e se recordara aos países industrializados o seu compromiso de aportacións para tal fin. Posiblemente nos tempos que corren non resulte nada beneficioso inverter en países subdesenvolvidos cando a situación nos países desenvolvidos como consecuencia do crac bursátil do 2008 non está moi alá (http://www.webislam.com/?idt=15532). Deste xeito, as sumas consagradas á APD estáncanse, posto que fronte a un 0’7% do PIB que ía ser destinado a penas se aportou 0’2% e iso nas rexións máis importantes, e o abismo entre as necesidades e o diñeiro concedido medra. Se ben é certo que ao sector público se lle puideron reprochar, e con razón, certas lagoas neste ámbito, parece que, irremediablemente, a financiación dirixida á parte máis desfavorecida da poboación mundial está cada vez máis desvinculada da idea dun provedor público.
Visto que o sector público non se atopa no seu mellor momento, sobre todo económico, e non lle parece primordial incrementar a súa intervención no Terceiro Mundo, o que si debería facer é tomar conciencia dos problemas que trae consigo o gran poder do sector privado, cada vez máis ambicioso, no desenvolvemento e na axuda internacional e tratar de palialos. O problema recae, como xa dixemos, no feito de que o sector privado dispón de total liberdade e carece da obriga de render contas ao público. 
Así pois, sería bo que se tratase de poñer algún límite ao mundo dos negocios, como por exemplo, que as empresas privadas que operaran fóra das súas fronteiras tiveran a obriga de dotarse de políticas de responsabilidade social corporativa que asegurasen o respecto aos dereitos humanos e laborais nos países onde traballaran.
En definitiva, esta imparable e presunta filantropía non é unha axuda desinteresada, como moito é un procedemento co cal moitos cren limpar a súa conciencia e enmascarar a realidade. Pero, é isto o que se merece o Terceiro Mundo? Ata que punto lle importan á sociedade as consecuencias da Globalización? É verdadeiramente tan bo este proceso globalizador ou é o que queren que pensemos? Non hai dúbida de que ten os seus factores positivos pero, para quen son máis positivos? Coido que para o Terceiro Mundo non o son tanto.
De calquera xeito, a búsqueda do equilibrio está nas mans da sociedade, nas mans de todos.

domingo, 13 de marzo de 2011

A resistencia fronte ao acaparamento das terras: O Movemento dos Traballadores Rurais Sen Terra.

Como xa dixen, non todos asinten e se quedan de brazos cruzados ante o neocolonialismo agrario. Este é o caso do MST, un movemento político-social brasileiro de inspiración marxista que busca a reforma agraria (http://www.mst.org.br/).
O MST naceu como produto da conxunción de distintos factores socioeconómicos consecuentes do período 1970-1985: o proceso de concentración de grandes extensións de terra, latifundios, en propiedade de pequenos grupos da sociedade, que supuxo para Brasil un incremento moi importante da pobreza dos pequenos campesiños; o proceso de transición conservadora da ditadura militar que animou aos campesiños a organizarse; a labor pastoral da Igrexa Católica, e en particular da Comisión Pastoral da Terra, a prol de transformacións nas desigualdades sociais; e por último de loitas ailladas pola terra que empezaban a ocorrer en distintos estados.
Deste xeito, o MST fúndase como unha necesidade inminente nun congreso celebrado en xaneiro de 1985, na cidade de Curitiba, estado de Paraná.
O obxectivo deste movemento é principalmente a ocupación de propiedades improdutivas, pero o problema recae en que tal concepto non está debidamente definido na constitución brasileira. Para o MST son terras rurais improdutivas aquelas que non cumpren coa función social, é dicir, que non se aproveitan racional e adecuadamente os seus recursos naturais dispoñibles, que non preservan o medio ambiente, e que non favorecen o benestar dos propietarios e dos traballadores.
Obviamente, os propietarios tratan de evitar as intencións deste movemento e esfórzanse por reter as súas propiedades argumentando a súa produtividade e función social do terreo. Deste xeito, o MST precisa ser representado, en ocasións por consellos legais públicos, noutras polos seus propios avogados, e tamén por organizacións como Terra de Direitos, organización da sociedade civil para a defensa dos dereitos humanos.
Mostra da oposición a este movemento é que co apoio da Brigada Militar gaucha, o Ministerio do estado de Río Grande do Sur planeou "disolver" o Movemento dos Sen Terra (MST). "Estamos frente á maior conspiración civil-militar desde o final da ditadura", dice o avogado defensor (http://jovenesdespiertos.wordpress.com/2008/06/30/brasil-plan-para-disolver-el-mst/).
O MST desenvolveu ao longo da súa historia diferentes actividades a prol dunha reforma agraria: manifestacións, concentracións, audiencias con políticos, folgas de fame, campamentos provisorios nos latifundios considerados inconstitucionais, ocupacións de órganos públicos como o INCRA (Instituto Nacional de Colonización y Reforma Agraria) pero tamén de terras entendidas como improdutivas. Así mesmo, o grupo busca recibir préstamos e axuda para que os campesiños realmente podan producir nas terras que reciben, xa que para o MST é verdadeiramente importante que as familias podan ter acceso a escolas e servizos de saúde para que así non precisen ir á cidade e deixen o campo.
Nos anos que durou o conflito da reforma agraria en Brasil a violencia foi unha ocorrencia presente. Un dos exemplos máis notables disto foi a Masacre de Eldorado dos Carajás (1996), onde morreron no acto 19 campesiños do MST ametrallados pola Policia Militar, debido a que estes campesiños cortaban o tránsito en protesta pola demora na expropiación dun terreo ocupado (http://old.redtercermundo.org.uy/revista_del_sur/texto_completo.php?id=1382).
Con todo, o MST mantivo e mantén certas relacións co goberno e con outras entidades. De feito, o ex presidente brasileiro Luis Inácio “Lula” da Silva, posto que o 1 de xaneiro lle traspasou o mando á candidata Dilma Rousseff do seu mesmo partido (Partido dos Trrabalhadores), prometera ao MST durante a súa campaña electoral en 2002 asentar 40.000 familias campesiñas nos seus catro anos de xestión (http://news.bbc.co.uk/hi/spanish/latin_america/newsid_3039000/3039704.stm). Non obstante, isto tivo un lento avance polo que o movemento tomou distancia do goberno. O MST fixo que só foran asentadas 21.000 familias desde que asumira a presidencia no 2003. Con todo, moitos dos membros do MST decidiron apoiar a súa reelección en 2005 tras facer unha avaliación crítica do período.  
Ademais do goberno de Lula, sabemos que o MST  impulsa a tódolos campesiños a afiliarse e participar do Sindicato de Traballadores Rurais, a nivel municipal, e a nivel central, o MST articula coa Central Única dos Traballadores.
En canto ao ámbito relixioso, mantén relacións coa Comisión Pastoral da Terra e as pastorais rurais das dióceses.
E a nivel internacional, o MST relaciónase con diversas organizacións campesiñas de América Latina a través de Vía Campesiña. Sen embargo, non está afiliado a organismos sindicais internacionais, aínda que conta co apoio de distintas organizacións de traballadores e ONGs de Europa e Canadá.
En definitiva, trátase dun movemento que toma a iniciativa de loitar contra o acaparamento de terras co obxectivo de conseguir a supervivencia daqueles que máis o necesitan, é dicir, daqueles campesiños empobrecidos e sen terras.

lunes, 14 de febrero de 2011

A loita pola terra cultivable: especulación ou erradicación da fame?

Parece obvio que se está a producir un neocolonialismo agrario, pero non parece tan obvia a verdadeira finalidade desta deslocalización das actividades agropecuarias. 
Poderiamos pensar que o obxecto de tales procesos sería a erradicación da fame no mundo, ou canto menos, abastecer á poboación e ofrecerlle unha seguridade alimentaria, e pode que, verdadeiramente, algúns países arrenden terras con esta intención, como é o caso de Yibuti.
Non obstante, como di Ferrán García de Veterinarios Sen Fronteiras no seu artigo titulado "La mano que mece la cuna es la mano que domina el mundo" recollido na Revista de “Soberanía alimentaria, biodiversidad y culturas”, (http://www.soberaniaalimentaria.info/), algo cheira na cadea alimentaria imperante e o fedor ven do monumental desequilibrio de poder existente nela, posto que se analizamos a situación agrícola ou alimentaria dos principais países "acaparadores" de terras, caeríamos na conta de que estes mesmos países non son capaces de alimentar a súa propia poboación.
No artigo antes mencionado, tamén podemos observar o caso de Europa máis detidamente. Durante os anos 2008 e 2009, en plena crise dos prezos alimentarios, estes inicialmente incrementaronse, e aos poucos meses, como corresponde nun bo ciclo especulativo, estes caeron. Entón viuse con claridade que mentres os prezos que percibían a agricultura se desplomaban, os que pagaban os consumidores seguían subindo ou permanecían estables, tal e como podemos apreciar nesta gráfica.


  Esta situación fixo saltar algunhas alarmas europeas e rapidamente se deduciu que estes síntomas de mal funcionamento afectaban ao consumo e eran desastrosas para agricultura. Pero, se esto acontecía nos países densenvolvidos, que acontecía no Terceiro Mundo? As respostas son totalmente deducibles.
 Polo tanto, é preciso buscar as verdadeiras motivacións deste neocolonialismo agrario, xa que os datos demostran  que se trata de algo ben diferente e que nada ten que ver coa erradicación da fame no mundo. A verdadeira finalidade é a ESPECULACIÓN, pois coa crise financeira actual os agrocarburantes convertíronse nun refuxio moi lucrativo.
 Estaría ben que se tratase de obstaculizar esta especulación imparable, que tan só busca o enriquecemento duns poucos canto antes, e se buscasen solucións para os verdadeiros problemas que asolan os países, como son a fame e a pobreza rural. É dicir, sería lóxico que para poder especular primeiro houbese a obriga de satisfacer unhas necesidades mínimas da poboación, sendo a alimentación unha necesidade básica e primordial. Pero, como xa dixen, por moito neocolonialismo agrario que se produza para supostamente satisfacer esta necesidade, o certo é que segue existindo a mesma insatisfacción, incluso maior.


E debebemos ter moi en conta que cada vez somos máis, xa que a poboación segue a medrar por inercia. Mención neste aspecto merece o país chinés que, contando cun 25% da poboación mundial, só dispón do 7% das terras cultivables (http://datos.bancomundial.org/pais/china). Desta maneira, se non somos capaces de alimentar á poboación mundial agora, parece obvio que tampouco vamos a selo nun futuro.
Con todo, non só está o problema alimentario, a isto súmaselle o feito de que a acaparación das terras cultivables ten como inmediata consecuencia a expulsión das xentes que habitan nese territorio.
Sen embargo, a culpa non é exclusiva dos países ou empresas que van na procura de maiores beneficios, senón que tamén son culpables os propios estados que permiten o sometemento e a expropiación das terras da súa poboación por parte dun poder estranxeiro, mesmo sabemos de casos nos que os propios estados son os que se poñen en contacto cos países neocolonizadores, é o caso de Papúa con Sudán.
Ante esta ameaza non todos asinten e aceptan, e consecuentemente xorden diversas protestas: créanse organizacións como Los Amigos de la Tierra ou Vía Campesina, así como se levan a cabo manifestacións violentas como a de Madagascar en 2009 que puido co réxime de Ravalomanana e co contrato que o ex presidente firmara con Daewoo (http://www.rebelion.org/noticia.php?id=82455).
Chegados ata este punto, e como ben conclúe o autor do artigo titulado "El acaparamiento de la tierra agraria: otra amenaza para la soberanía alimentaria" da mesma revista á citada con anterioridade, (http://revistasoberaniaalimentaria.wordpress.com/2011/01/29/el-acaparamiento-de-la-tierra-agraria-otra-amenaza-para-la-soberania-alimentaria/), vemos aberto o debate sobre a posibilidade de acordar algúns parámetros que permitan introducir certa ética e disciplina no acaparamento da terra para que sirva tanto ás comunidades locais como aos intereses inversores, ata o punto de que organismos como o Banco Mundial ou a FAO, entre outros, pretenden introducir unha certificación para o concepto do acaparamento “sustentable” da terra. 
Algunhas destas propostas veñen disfrazadas co nome de Códigos de Conduta. Sen embargo, na miña opinión, a realidade demostra que é algo fantasioso pensar que exista a posibilidade de que se materialicen beneficios mutuos destas propostas de ‘domar’ o acaparamento de terra.
En definitiva, a experiencia e a información dispoñible sinalan que o acaparamento da terra só empeora a crise alimentaria, con ou sen "principios" e "normas" e que, desde logo, é un proceso moi nocivo para a loita a favor pola soberanía alimentaria e os dereitos do campesiñado. Así mesmo, de seguro caemos na conta de que cada vez os ricos son máis ricos e os pobres son máis pobres, e os primeiros conseguen selo en detrimento dos segundos, pero alguén fai algo por evitalo? Esa é a cuestión.