Vistas de página en total

lunes, 14 de marzo de 2011

Axuda internacional: a quen beneficia a caridade?

O desenvolvemento mundial precisa dunha colaboración internacional. A pregunta é: quen debe levar a cabo a financiación, o sector público ou o sector privado?
Nun primeiro momento, as empresas privadas e outros axentes non gobernamentais, estaban chamados a desempeñar un papel importante, pero secundario no desenvolvemento internacional. Pero ademais, a influencia do socialismo en rexións tercermundistas e a súa idea de que a libre empresa era cómplice do colonialismo e do imperialismo, sementaba a desconfianza fronte ao mundo dos negocios.
Non obstante, os tempos cambiaron. A partires de 1982, coa crise da débeda, adoptáronse políticas dirixidas a dar ao mercado, e non ao Estado, o papel preponderante en detrimento do sector público. Desta maneira, as empresas privadas adquiriron un papel protagonista como “motores” do desenvolvemento e do crecemento do Terceiro Mundo.
               Polo tanto, desde mediados dos anos noventa, as empresas privadas, así como institucións bancarias, contribuíron en gran medida tanto á financiación como a posta en marcha proxectos de desenvolvemento internacional, baixo o convencemento de que os axentes privados eran máis eficaces que os públicos, á hora de favorecer o crecemento e reducir a pobreza. Así, a súa acción adoptou dous procedementos: a creación de carteiras de inversión polos bancos, e a inversión directa por parte das multinacionais. Estas dúas formas de inversión, fóronse incrementando nos últimos vinte anos de forma exponencial, malia as interrupcións causadas polas crises financeiras, como a crise asiática de 1997 ou o crac bursátil do 2008, ao cal aínda nos enfrontamos na actualidade.
Se ben é certo que algúns partidarios desta estratexia, como é o caso do Fondo Monetario Internacional, recoñecen que a inversión internacional privada foi moi volátil e que moitas veces se esquece dos países subdesenvolvidos, tamén afirman que a responsabilidade recae nestes países pola súa falta de “bo goberno”, máis que da especulación e da visión a curto prazo. Así, os países prestatarios presionan para que se impoñan regras que favorezan a transparencia, a imputabilidade, a moderación fiscal, etc.
               Obviamente existen diversas opinións acerca do asunto. Mentres que os defensores da inversión ven nesta forma de filantropía o motor do desenvolvemento, o certo é que as  consecuencias son obvias (http://www.elpais.com/articulo/Comunidad/Valenciana/cooperacion/coartada/elpepuespval/20110312elpval_15/Tes).
Estes supostos filántropos verdadeiramente benefícianse das pobres condicións laborais e dos baixísimos salarios dos países en desenvolvemento, causan ademais graves danos ao medio ambiente e  nalgunha ocasión conceden apoio a rexímenes que non respectan os dereitos fundamentais. É dicir, a filantropía das empresas, con todos os seus proxectos caritativos sobre todo nas esferas da sanidade e da educación, non é máis que un intento de crear unha imaxe corporativa que reflicta valores compartidos cos consumidores e non o benestar do país en cuestión. Moitas multinacionais que din axudar desinteresadamente a estes países, abusan deles. Exemplo disto é a multinacional NESTLÉ, que en varios países do Terceiro Mundo animaba ás nais a non dar o peito aos seus meniños repartindo nunha primeira fase leite en polbo e potitos gratis. Ao cabo dun tempo, as mulleres, ao quedarse sen leite, terminaban por botar man destes produtos e a falta de medidas hixiénicas fixo o resto. Desta maneira, segundo a OMS, 1’5 millóns de nenos morren anualmente por beber leite en polbo mesturada con auga non potable. (http://www.solidaridad.net/vernoticia.asp?noticia=936).
A estes feitos debemos engadir ademais que as empresas privadas non teñen porque render contas, e menos ás poboacións locais, senón que só aos seus accionistas, quenes ante todo queren obter o seu máximo beneficio.
Polo tanto, parece lóxico pensar que se dito sector o que busca é o beneficio propio, a súa caridade trátase dunha filantropía ou é unha auténtica estratexia de relacións públicas? Desde logo, para min a resposta volve a ser evidente. O sector privado emprega esta suposta filantropía para ofrecer unha imaxe que reflicta valores éticos e morais que tanto lle parecen gustar á sociedade de hoxe.
Pero, por que o sector público se queda máis á marxe do asunto? Certamente celebráronse conferencias para potenciar a axuda pública como a Conferencia Internacional sobre a Financiación do Desenvolvemento en Monterrey en 2002, coa que se pretendía chegar a un consenso no que se reafirmara a importancia da APD (axuda pública ao desenvolvemento) e se recordara aos países industrializados o seu compromiso de aportacións para tal fin. Posiblemente nos tempos que corren non resulte nada beneficioso inverter en países subdesenvolvidos cando a situación nos países desenvolvidos como consecuencia do crac bursátil do 2008 non está moi alá (http://www.webislam.com/?idt=15532). Deste xeito, as sumas consagradas á APD estáncanse, posto que fronte a un 0’7% do PIB que ía ser destinado a penas se aportou 0’2% e iso nas rexións máis importantes, e o abismo entre as necesidades e o diñeiro concedido medra. Se ben é certo que ao sector público se lle puideron reprochar, e con razón, certas lagoas neste ámbito, parece que, irremediablemente, a financiación dirixida á parte máis desfavorecida da poboación mundial está cada vez máis desvinculada da idea dun provedor público.
Visto que o sector público non se atopa no seu mellor momento, sobre todo económico, e non lle parece primordial incrementar a súa intervención no Terceiro Mundo, o que si debería facer é tomar conciencia dos problemas que trae consigo o gran poder do sector privado, cada vez máis ambicioso, no desenvolvemento e na axuda internacional e tratar de palialos. O problema recae, como xa dixemos, no feito de que o sector privado dispón de total liberdade e carece da obriga de render contas ao público. 
Así pois, sería bo que se tratase de poñer algún límite ao mundo dos negocios, como por exemplo, que as empresas privadas que operaran fóra das súas fronteiras tiveran a obriga de dotarse de políticas de responsabilidade social corporativa que asegurasen o respecto aos dereitos humanos e laborais nos países onde traballaran.
En definitiva, esta imparable e presunta filantropía non é unha axuda desinteresada, como moito é un procedemento co cal moitos cren limpar a súa conciencia e enmascarar a realidade. Pero, é isto o que se merece o Terceiro Mundo? Ata que punto lle importan á sociedade as consecuencias da Globalización? É verdadeiramente tan bo este proceso globalizador ou é o que queren que pensemos? Non hai dúbida de que ten os seus factores positivos pero, para quen son máis positivos? Coido que para o Terceiro Mundo non o son tanto.
De calquera xeito, a búsqueda do equilibrio está nas mans da sociedade, nas mans de todos.

1 comentario:

  1. Ola Uxía, parabéns polas reflexións e ideas propostas. Estamos de acordo en que o desenvolvemento da produtividade e a tecnoloxía propios do proceso globalizador deberían acortar as distancias entre os países ricos e os pobres, pero a realidade non está sendo así. Estamos ante un problema de difícil solución que require dun debate crítico sobre o que se fixo mal ate agora. E o que é máis importante, dotar aos países pobres da autonomía para aplicar as súas propias políticas macroeconómicas sen estar condicionados aos intereses dos grandes poderes internacionais, públicos e privados.

    Saúdos

    ResponderEliminar